
Desde a Federación de Asociacións de Pais e Nais de Alumnos da Provincia de Lugo, temos o pracer de anunciar a posta en marcha, neste novo curso escolar, do proxecto En boa Onda, unha iniciativa que reafirma o noso compromiso coa educación en valores e coa transformación positiva da contorna escolar.
Este proxecto é posible grazas ao apoio da Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia, así como á colaboración activa das AMPAS asociadas e dos centros educativos participantes, que fan realidade esta proposta dirixida a familias e alumnado.
Un proxecto para educar en igualdade e tecnoloxía
En boa Onda nace coa vontade de fomentar a igualdade e promover un uso responsable, seguro e positivo das novas tecnoloxías, especialmente entre o alumnado de 1º e 2º da ESO de colexios privados e concertados da cidade de Lugo e da súa provincia, así como entre as súas familias.
As actividades deseñadas dentro do proxecto seguen a metodoloxía de aprendizaxe-servizo (ApS), permitindo que o alumnado poida aplicar os coñecementos adquiridos en accións reais que beneficien á comunidade, fortalecendo así o vínculo entre escola e sociedade.
Contribuíndo aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible
Todas as accións desenvolvidas no marco de En boa Onda contribúen de maneira directa á consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), en especial ao:
- ODS4 – Educación de Calidade
- ODS5 – Igualdade de Xénero
Reforzando así o papel da educación como motor de cambio social.
Desde a Federación, agradecemos profundamente a implicación de todas as persoas e entidades que fan posible este proxecto. Estamos convencidas de que educar en igualdade e no bo uso das tecnoloxías é educar para o futuro.

Se a vosa ANPA está interesada en participar, agradecemos que remitades, ao voso centro educativo, a carta informativa que vos compartimos e nos confirmedes a vosa participación antes do 22 de setembro cubrindo este formulario online: